Terça-feira, Junho 23, 2009

Enquisa


Agora que o goberno galego fai unha enquisa aos pais sobre o idioma na escola eu quería propoñer outra enquisa, non por diferente menos importante.
A min caéme mal Pitágoras, e considero unha aberración que lle impoñan na escola aos meus fillos o teorema de Pitágoras, que non nos enganemos non é útil, e os meus fillos teñen cousas máis importantes que aprender.
Penso chamar a Pio Moa para que se achegue ás escolas galegas para que constate "in situ" como verdadeiramente se está impoñendo o teorema de Pitágoras nas escolas galegas sen ter en conta a liberdade dos pais para escoller libremente, porque a min ninguén me pediu a miña opinión sobre o teorema de Pitágoras na escola. Tamén llo penso comentar a Corina Porro e a Gloria Lago, seguro que elas me comprenderán porque eu desexo o mellor para os meus fillos e non quero que estudien a ise desfasado Pitágoras. Nin que llo impoñan desa maneira, quero vivir nunha sociedade libre sen ningún tipo de imposicións.
Se fai falta organizo unha manifestación en Compostela, mellor na precampaña, en defensa da liberdade á que supoño que me virán provocar os reaccionarios e intolerantes defensores de Pitágoras.
E unha vez feita a enquisa espero que o goberno tome as medidas axeitadas para acabar con isa imposición absurda do teorema de Pitágoras porque queremos unha sociedade libre de imposicións.

Segunda-feira, Junho 01, 2009

Física




Atopei isto pola rede ... pareceume interesante .


Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra...

...En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbei...

Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009,

Sábado, Maio 09, 2009

Visión


Sigo confundido e non vexo nada claro.

Terça-feira, Março 31, 2009

Xantar



A pesar de pretender facer neste blogue crítica culinaria, por unha cousa ou por outra o asunto vaise adiando. Porén o día menos pensado igual me decido.
O caso é que o outro día estaba eu xantando nun restaurante do interior do país, o comedor era amplo e só estabamos unha familia nun extremo e eu cun familiar no centro a carón da fiestra.
A familia tiña dúas nenas pequenas, non sei calcular a idade, pero paréceme que non debían pasar dos cinco anos. E non estaban quietas, de cando en vez botaban unha carreira polo amplo comedor.
A distancia non me permitía seguir a conversa da familia, pero as veces dirixíanse ás nenas cando andaban nos seus paseos exploratorios polo comedor. E fixeime que a avóa dirixíase ás nenas en alemán, e a nai en galego.
Eu lembreime de toda a polémica da campaña electoral, de Galicia Bilingue, de Rosa Díez ... Estaría esa familia rompendo España? Non o sei, a min pareceume unha xente agradable, educada, culta e harmoniosa.

Quarta-feira, Dezembro 24, 2008

Morte


Acábase o ano e hai que renovar a axenda, eu como son un tipo moi espilido xa o estou facendo, e acabo de darme conta de que teño que borrar dous números de teléfono por falecemento.

Sexta-feira, Dezembro 19, 2008

Nós, os da aldea ...


Atopei outro debuxo do meu debuxante favorito, e traio aquí para lembrarvos aos urbanícolas que ten máis de verdade do que poidades pensar.

Terça-feira, Dezembro 16, 2008

Centro Galego da Habana

Estiven ollando fotos do Centro Galego da Habana e a verdade é que é precioso. E estiven pensando que xa é tempo de comentarlle a Fidel que xa vai sendo hora que o devolva. Que pensa facer a Xunta ao respecto? Eu mandaría embaixadores plenipotenciarios para negociar.

Segunda-feira, Novembro 17, 2008

Sociolingüística da aldea


O outro día na aldea do debuxante dignaronse a aparecer uns traballadores de Fenosa, e eu que son un inxenuo pensei que agora que é propiedade dos cataláns os tipos saberían falar o idioma do país. Pero parece ser que non, a empresa a web non a ten en galego e aos traballadores cústalle entender o país.
Pero polo aspecto os tipos eran ... E claro ... Pasou o que pasou. Como se foran os señores feudais que veñen as terras íamos pasando os paisanos. Antes de min estaba un home de perto de oitenta anos que se dirixiu a eles no latín que levamos falando arredor de mil anos ,ese que agora chaman ghallejo, e eles contestaronlle en perfecto castelán, o tipo seguía falando en galego e os traballadores de Fenosa respondían en perfecto castelán, o final conseguiron que o vello lles explicara en castelán. E aínda así non o entenderon.
Despois tocoume a min, e tamén lles falei en galego, e quedei sorprendido porque me decatei de que eles tamén sabían falar galego, pois foi no que me contestaron, desconcertoume porque non mo esperaba, o único que se me ocorre era que ía vestido mellor que eles, pero non sei certo se ese era o motivo de tal consideración coa miña persoa.
Deille uns datos, especificando a ortografía, e escribirono mal. Despois co nome dun lugar logo de deletrearllo transformarono nunha especie de "niñodaguia = niño de la guía"
Eu sospeito que os tipos marcharon alucinados das súas aventuras "en la aldea", eu tamén quedei alucinado con eles pero por outros motivos.
E non me extrañaría que o consello de administración de Fenosa un día destos decidise gastarse unha pasta nunha campaña de imaxe corporativa desas tan bonitas que pretenden crearlle unha boa imaxe a empresa diante da sociedade.
De todos os xeitos a anécdota surrealista do día foi cando chegou un tipo traxeado nun coche que debía valer 20 millons de pesetas, dando a impresión de que estaba no fin do mundo, e preguntando polo nome do lugar para confirmar. Viña falar cun paisano, e evidentemente tamén falou en castelán, o paisano en correcto castelán díxolle que hoxe non o podía recibir. Eu sospeito que o tipo traxeado era un vendedor de algo.
E supoño que os de Fenosa aínda non se decataron de que eles venden electricidade. Eu pola miña banda estou pensando en poñerme a producir electricidade. Porque parece ser que o 30% da enerxía pérdese no transporte. e nestos tempos de crise hai que buscar a eficiencia. E estes traballadores de Fenosa no tema da comunicación están moi lonxe da eficiencia.

Sexta-feira, Novembro 14, 2008

Follas novas ..novos bits


Estiven lendo a Rosalía ... e o que dí ela para as súas follas novas pódese aplicar aos estes meus bits que poño na rede .


VAGUEDAS

I

Daquelas que cantan ás pombas i ás frores
todos din que teñen alma de muller;
pois eu que no as canto, Virxe da Paloma,
¡ai! ¿de que as terei?

II

Ben sei que non hai nada

novo en baixo do ceo,

que antes outros pensaron

as cousas que eu penso.

E ben, ¿para qué escribo?

E ben, porque así semos,
relox que repetimos
eternamente o mesmo.

III

Tal coma as nubes
que leva o vento,
i agora asombran, i agora alegran
os espacios inmensos do ceo,
así as ideas
loucas que eu teño,
as imaxes de múltiples formas
de estrañas feituras, de cores incertos,
agora asombran,
agora acraran,
o fondo sin fondo do meu pensamento.

IV

Diredes de estes versos, i é verdade,
que tén estraña insólita armonía,
que neles as ideas brillan pálidas
cal errantes muxicas
que estalan por istantes
que desparecen xiña,
que se asomellan á parruma incerta
que voltexa no fondo das curtiñas,
i ao susurro monótono dos pinos
da beiramar bravía.

Eu diréivos tan só que os meus cantares

así sán en confuso da alma miña,
como sai das profundas carballeiras,
ó comenzar do día,
romor que non se sabe
si é rebuldar das brisas,
si son beixos das frores,
si agrestes, misteriosas armonías
que neste mundo triste

o camiño do ceo buscan perdidas.
¡Follas novas!, risa dame

ese nome que levás,
cal si unha ben moura,

branca lle oíse chamar.
Non Follas novas, ramallo

de toxos e silvas sós,
hirtas, coma as miñas penas,

feras, como a miña dor.
Sin olido nin frescura,

bravas mágoas e ferías...
¡Si na gándara brotades,

cómo non serés así!

Segunda-feira, Novembro 03, 2008

A proposito do ghallejo


Andan esta temporada co idioma a voltas ... e non sei eu. Na miña aldea levamos mil anos falando neste latín corrompido ... e o Cunqueiro desexaba 1000 primaveras máis ... e agora hai xente preocupada pola que din unha das linguas máis faladas no mundo ... Eu non acabo de entender algunhas cousas.
En fin, que o debuxo pareceume moi bo, e quixen poñelo aquí. É interesante o concepto de interlingua ó que fai referenza.
(o debuxante é da miña aldea e supoño que me deixará poñer aquí este debuxo seu)

Segunda-feira, Outubro 27, 2008

Necesito un coche


Necesito un coche para desplazarme polo mundo, para ir dun sitio a outro cando me pete. Pero non sei que coche mercar, e iso que disque nestes tempos de crise baixan os prezos. Non necesito un coche para ligar ... nin por prestixio social. Necesito un coche para ir dun sitio a outro ... e non sei cal mercar.
O da foto é ben bonito ... pero creo que non está á venda. Se entre os posibles lectores houbera alguén entendido en automóviles agradeceríalle a súa opinión sobre un vehículo adaptado á miña personalidade e ás miñas necesidades de transporte.

Sábado, Outubro 18, 2008

Deportivo


Anda estes días Lendoiro pedindo que o Xacobeo patrocine ó seu equipo de futbol ... E eu non entendo como unha institución que aínda conserva no seu nome unha referencia a un topónimo ilegal pretende que o goberno dun país lle dea cartos para promocionar un topónimo contrario non só ó sentido común senón ás leis dese país ...

Domingo, Setembro 28, 2008

Crise


Puta crise, que xa veremos en que acaba ... pero que sempre acaban pagando os mesmos ...

Quinta-feira, Setembro 04, 2008

Sigo confuso

Pois nada que sigo confuso

Terça-feira, Julho 15, 2008

Só quería deixar un recordo do meu paso pola rede.


Hoxe publica Vieiros unha interesante reportaxe sobre a "Rexubeira de Bergantiños" e dado o nome deste blogue non podo máis que rendirlle desde aquí unha homenaxe a muller

Como é posible que co tempo o enlace deixe de funcionar copio e pego aquí a reportaxe ... na páxina de Vieiros hai un vídeo que eu non fun quen de copiar


ASUNCIÓN ANTELO, ARTISTA

"Só quería deixar un recordo do meu paso polo mundo"

Aos seus 89 anos e coñecida como a Rexubeira de Bergantiños, Asunción Antelo, creou o seu propio museo e escribiu dous libros.

Isabel G. Couso - 09:00 14/07/2008

Allea aos circuítos culturais máis clásicos e alonxada do epicentro da creación literaria e artística, nunha aldea de Coristanco, vive Asunción Antelo, unha artista, unha creadora, que conquista tan só coa mirada. Ten un ollar limpo, mediado polos amplos e densos cristais duns lentes que acomoda no seu xesto para lernos unha das súas composicións: 'Bergantiños, boa terra,fermosa como un rosal, nela naceu Alfredo Brañas e Eduardo Pondal (...)'

De Pondal, de Alexandre Bóveda, Castelao ou Rosalía falan algunhas das súas composicións, uns personaxes -di- que coñeceu 'máis que nada, polos xornais'. Iso si, aos seus 89 anos demostra unha afección envexable á lectura, gústalle ler á autora de 'Cantares Gallegos', a quen leva no seu chaveiro, tamén a Neira Vilas e a un bo número de autores que engrosan o seu armario no que "xa non collen máis". O tempo respectou a afección de Asunción, quen agradece estar tan ben da vista, malia que fose perdendo o oído.

O interese pola lectura, sen embargo, chegoulle tarde. Ou máis ben veuse interrompido polas obrigas, que foron moitas, nunha vida chea de traballos, os da labranza, os da casa, os dunha muller única entre irmáns. E precisamente a marcha dos homes para a guerra fixo que se afeccionase á escritura, polas misivas que lle enviaba a seus irmáns ao fronte, o que fixo que se practicase nunha disciplina que aprendera naqueles tres meses de inverno que podía ir a escola. Agora ten mellores cousas das que escribir, de Bergantiños, das cousas que pasaban antes na parroquia, dos costumes que se foron perdendo... E xa leva dous libros, un de poesía e unha novela.

'A terriña nin a deixei nin a deixaría nunca'
Asunción Antelo é, ante todo, unha artista, pero unha artista apegada á terra. Na aldea de Segufe, parroquia de Seavia (Coristanco), é coñecida por todos e calquera veciño está disposto a amosar ao visitante onde queda o seu museo. Querida por todos e alcumada como "a rexubeira de Bergantiños", Asunción devolve o cariño coa súa obra e coas súas palabras: 'á terra eu sempre lle quixen, á terra e a súa xente, que foi onde eu me criei.

En 1971 decidiu abrir o seu museo, ante todo porque 'fillos non tiven, e acordoume facer algo para que se saiba que pasei por este mundo'. Non cabe dúbida que o conseguiu, xa que a súa casa recibe as visitas de moitos curiosos que a felicitan polo seu traballo, cousa que non entende porque, segundo di, 'estas cousas fainas calquera, non ten dificultade ningunha'. Alí podemos atopar tallas de madeira, figuras feitas con raíces de árbores, bancos, reloxos, retratos escultóricos, maquetas de pedra de muíños de auga... unha ecléctica mostra dun quefacer ao que -di- non a ensinou ninguén. Mesmo chegou a vender algunhas das súas obras, mais agora di que 'non quere ser egoísta dos cartos e non quere quedar sen as cousas', polo que decidiu non vender máis.

Asunción lamenta non ter tido máis posibilidades de estudar, xa que agora 'o que non aprende é porque non quere' e decidiu deixar xa de esculpir tallas e de escribir. Primeiro porque xa non ten sitio onde meter máis obras e, segundo, porque xa cumpriu o seu soño: 'eu xa non quero facer máis nada, unicamente o meu testamento', di con retranca, 'eu xa deixo o meu recordo'.