Quarta-feira, Agosto 15, 2007

Guardia civil


Xa quedan lonxe aqueles anos nos que sancionaran a un garda civil por poñer as multas en galego. Desde hai un tempo non é infrecuente var os mandos da garda civil falar públicamente en galego, e os gardas as veces que me pararon na estrada cando lles falei en galego contestáronme algúns correctamente en galego.
Hai uns días unha asociación de gardas civís; a Unión Federal de Guardias Civiles sacaba un comunicado opoñendose o uso do galego, hoxe a UGC sacou un comunicado diferente e interesante. Afortunadamente a primeira asociación parece ser a terceira en numero de socios en Galiza e a segunda a maioritaria. O comunicado dí cousas interesantes.


Comunicado íntegro da UGC-Galicia:

A NOSA LINGUA

Galicia, 13 de agosto de 2007. A Unión de Gardas Civís de Galicia (UGC-Galicia) non entende o profundo odio que desata a nosa lingua noutros colectivos. Opinar alegremente descoñecendo a nosa realidade social, cultural e histórica leva irremediablemente a grandes erros, como este. Esa ignorancia é o caldo de cultivo ideal para chegar ás afirmacións destes días en contra dun pobo que sempre foi tolerante co resto das culturas.

Os gardas civís, ante todo, son cidadáns. Os que son galegos, son totalmente bilingües. Todos eles utilizan calquera das dúas linguas para expresarse. Uns exprésanse en castelán pero a maioría exprésase preferentemente en galego, lingua materna, incluso entre eles, traballando ou usando as transmisións. Os que no son galegos sempre mostraron un profundo respecto aos galegofalantes, e estes últimos responderon de xeito idéntico. Por iso moitos gardas civís que no son galegos decidiron converter Galicia no lugar onde establecer a súa residencia definitiva.


A lingua galega nunca motivou friccións, nin se vinculou a ideoloxías políticas. Se detrás de cada galegofalante houbese unha ideoloxía política concreta, os partidos estatais nunca terían opcións de goberno en Galicia. Afirmar que un galegofalante, por ese feito, é independentista é tan aberrante como chamar fascista a quen fala en castelán. A lingua galega únenos e non nos separa, non nos marxina. Iso demostra que non sexa un arma entre cidadáns. Galicia é o único territorio peninsular cunha poboación total e absolutamente bilingüe. Intentar extrapolar problemáticas doutros territorios nun grave erro.


UGC-Galicia non entende como algunhas persoas intentan que xurda una crise, un problema onde non hai tal. Os gardas civís galegos, como o resto dos cidadáns, sentímonos orgullosos da nosa lingua. Forma parte da nosa cultura, da nosa historia. Por iso non entendemos que move a persoas que descoñecen a realidade galega a intentar dividir aos galegos, cun problema inexistente. É opinar sen coñecementos, é ignorancia, sementar odio onde non hai. Nin haberá. Só pretenden provocar unha colisión entre os gardas civís e o resto da nosa poboación. Seguen a cometer o erro de pensar que a nosa profesión vincúlanos con ideoloxías políticas concretas.


As posturas reaccionarias que vimos percibindo nestas persoas demostran que é moi necesaria a reeducación dalgúns Gardas Civís. Estes días volvemos ver un episodio de nostalxia preconstitucional intolerable. Ideas trasnoitadas. Será morriña dos tempos nos que nos perseguían aos galegofalantes? A Garda Civil debe extremar as precaucións para evitar que no seu seo ingresen persoas que non teñen acomodo na democracia.


Desde esta asociación, a única rexistrada na Xunta de Galicia, podemos asegurar que ningunha política reaccionaria contra a nosa lingua terá acollida entre os gardas civís de Galicia. No seu día o ex ministro Bono ordenounos falar só en castelán e negámonos respondéndolle a súa orde en galego.


Seguiremos servindo ao noso pobo, atendéndoo na lingua que desexe, ben en castelán ou en galego, respectando por igual a falantes dunha ou doutra e dando deste xeito un servizo adecuado a cidadanía, como ven sendo. Non esquezamos o devandito: a inmensa maioría dos gardas civís de Galicia son galegos. Absolutamente todos eles son bilingües. Repetimos: TODOS. Os gardas civís que no son galegos xa deron mostras suficientes de respecto aos galegofalantes. O seu traballo é dunha calidade incuestionable.


Por respecto a este pobo, para moitos o noso pobo, esiximos que os trámites de recollida de denuncias, etc., estean nas dúas linguas. (Artigos 3.1 pero tamén o 3.2 da Constitución e o 5 do noso Estatuto) O contrario sería un grave menosprezo, unha indignidade, unha intolerable marxinación aos cidadáns. E todos eles pagan para ter un servizo policial de calidade que non pode ser mellor en función da súa lingua.


UGC-Galicia recomenda a estas persoas que abandonen a súa belixerancia reaccionaria, as súas ideas fascistas contra o galego. Deben reconsiderar a súa postura, respectar a Constitución, entender o significado da fermosa palabra “tolerancia” e “respecto” polos demais. Opinen sobre Galicia e a súa lingua (a románica máis vella da península que falamos dende máis dun milenio) pero fágano con coñecementos previos. En Euskadi e en Cataluña talvez non haxa moitos bilingües. Aquí somos a inmensa maioría.

0 comentarios: